Zoa o vento. Baten as pedras entre sí e na desolación infinda ecoan antigas retesías. No deserto os corazóns latexan sen forzas e o sangue vólvese tan mesto que non pasa polas veas. Só hai pedras, pedras e area seca, e un vento pesado de mal agoiro que fai esvaer as imaxes.
Neste lugar, maldito por Deus e polos homes, atópase o leito derradeiro da "persoa-sen-nome"; daquel que pola súa iniquidade foi desterrado da memória dos séculos, e que endexamais voltará. Aquí xace o que non se erguerá á fin do tempo dos homes, aquel que, tolo de cobiza, iniciouse nos noxentos e escuros segredos da nigrománcia, e mercede á súa cobardía, caeu nas máis fondas pozas do destino humano; aquel que leva ás costas o máis miserábel fado que se poida imaxinar: o do esquecemento absoluto. Non só el, senon tamén o lugar do seu tormento, pois non hai descanso nesta terra de torturas.
E o seu espírito lece sen acougo pola paisaxe árida que outrora fose verde e farturenta. Esquecido de todos, a súa alma vagaxeira agoniza entre terras murchas, sen arrenegar da súa maldade. Así paira no ar, rouco de sede, o malfadado espírito da terra esquecida.